Traducción da Darío Xohán Cabana
CANTO V
Baixei anel primeiro pró segundo,
que menos sitio e máis tormento cinxe,
tantos que aguilla ó pranto o seu circundo.

Alí está Minos atrozmente, e rinxe:
examina os pecados ante a entrada;
xulga e manda segundo se recinxe.

Digo que cando a ialma malfadada
se pon ante el, confesa e nada esconde;
e aquel pesquisador da vida errada

ve qué parte do inferno corresponde:
tantas veces co rabo cinxe o van
como graos quere que pra abaixo afonde.

Sempre son moitas as que ante el están:
por turno as vai chamando pró xuício,
declaran, oen, e pra abaixo van.

«Ouh ti que vés ó doloroso hospicio»,
díxome Minos ó me ver alí,
deixando os actos de tan grave oficio,

«mira como entras e en quen fías ti:
¡non te engane a amplitude que hai pra entrar!».
E o guía a aquel: «¿Que fas berrando así?

Non estórbe-lo seu fatal andar:
quérese así no sitio onde o querer
é xa poder, e máis non preguntar».

Xa empezan a facérseme entender
as doloridas notas, e xa acudo
a onde pranto sen fin me vén bater.

Fun a lugar de toda luz xa mudo,
que brúa coma o mar co temporal,
cando o combate adverso vento rudo.

A borrasca do inferno perennal
con torbóns os espíritos rapina:
volteando e ferindo lles fai mal.

Cando chegan a diante da ruína,
eilos berros, o pranto e o lamento;
arrenegan alí da lei divina.

Eu escoitei que son a tal tormento
os carnais pecadores coadenados,
que someten razón a sentimento.

E como os estorniños son levados
no inverno polas ás en longa banda,
aquel vento os espíritos malvados

de aqui pra alá, de abaixo arriba os manda,
sen teren esperanza endexamais,
non xa de acougo, dunha dor máis branda.

E como as grúas cantan os seus lais,
formando no ar ringleiras ben cumpridas,
así vin achegarse cos seus ais

sombras por esta foula conducidas;
e eu dixen: «Mestre meu, ¿quen son as xentes
por ese vento negro tan punidas?»

«Era a primeira deses por quen sentes
ansia de novas», foi o que el repuxo,
«emperatriz de linguas diferentes.

Tanta luxuria usou que en leis dispuxo
que o líbito era lícito tamén,
pra borra-la vergoña a que se expuxo.

Semíramis che foi, e escrito vén
que foi de Nino herdeira e mais esposa:
tivo o país que xa a Sultán retén.

Aqueloutra matouse de amorosa,
e non foi fiel ás cinzas de Siqueo;
logo está Cleopatra luxuriosa.

Eis Helena, que un templo trouxo cheo
de mal, e o grande Aquiles, que loitou
con amor no postreiro seu torneo.

Eis Paris, eis Tristán»; e sinalou
mil sombras co seu dedo e con voz clara,
que amor da nosa vida separou.

Despois de que o meu mestre nomeara
señoras doutro tempo e cabaleiros,
case esmain coa angustia que me entrara.

Dixen: «Poeta, teño verdadeiros
desexos de falarlles ós que van
xuntos os dous no vento tan lixeiros».

E aquel a min: «Verás cando a esta man
se acheguen máis; e ti daquela prega
polo amor que os conduce, que virán».

Tan pronto como o vento a nós os chega,
ceibei a voz: «¡Ouh almas torturadas,
vide falarnos, se outro non o nega!»

Como as pombas, por ansia convocadas,
ó doce niño co seu vó tendido
van polo ar, de querencia gobernadas,

saíron da ringleira onde está Dido,
vindo polo ar maligno ó noso lado,
tan forte foi o berro conmovido.

«Ouh animal benévolo e bendado
que visitando vas polo ar tebroso
os que o mudo tinguimos de encarnado,

se o rei universal nos for piadoso,
a túa paz lle habiamos de pregar,
xa que te apiada o mal perverso noso.

Do que vos praza oír e mais falar,
falaremos e oiremos asemade,
mentres que cale coma agora o ar.

Áchase a miña natural cidade
sobre a mariña na que o Po descende
con seus secuaces á tranquilidade.

Amor, que en cór xentil axiña prende,
a este prendeu da miña bel persoa
que xa perdín; e o modo inda me rende.

Amor, que nunca a amado amar perdoa,
prendeume a min do seu pracer tan forte,
que, como ves, aínda me agrilloa.

Amor levounos a ambos a unha morte.
Caína agarda a quen tolleu as vidas».
As verbas súas foron desta sorte.

Cando oín estas almas ofendidas,
baixei o rostro, e tanto o tiven raso,
que o poeta me dixo: «¿Que dubidas?».

Cando repuxen, comecei: «¡Ai laso,
canto afán, canto doce cavilar
levou aquestes ó doloroso paso!».

Despois, volvéndome a ele pra falar,
dixen: «Francesca, os ollos meus piadosos
prós teus martirio póñense a chorar.

Mais di: no tempo dos ais doces vosos,
¿como e en que vos concedeu Amor
coñece-los desexos dubidosos?».

E ela a min: «Non existe dor maior
cá de lembrarse dunha feliz hora
na miseria; sabe esto o teu doutor.

Mais xa que a arela de saber qué fora
raíz do noso amor así te estreita,
falarei coma aquel que fala e chora.

Liamos por leer naquela feita
de Lanzarote e como o mar lle deu:
estabamos nós sós e sen sospeita.

Por máis veces os ollos nos ergueu
a lectura, co rostro demudado;
pero só unha pasaxe nos venceu.

Cando lemos que o riso desexado
era beixado por tan nobre amante,
o que xamais de min será afastado

a boca me beixou todo vibrante,
foi Galahot o libro e quen o fixo:
aquel día non lemos máis adiante».

En tanto que un espírito esto dixo,
o outro choraba; e eu co desconforto,
case como a morrer, perdín o rixo;

e caín como cae un corpo morto.


3



6



9



12



15



18



21



24



27



30



33



36



39



42



45



48



51



54



57



60



63



66



69



72



75



78



81



84



87



90



93



96



99



102



105



108



111



114



117



120



123



126



129



132



135



138



141


(Tr) Dante ALIGHIERI, A divina comedia, Santiago de Compostela: Servicio Central de Publicacións da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, 1990.